Quentadela

Editada polo Concello a través do seu Departamento de Deportes, a revista QUENTADELA naceu coa idea de informar ás asociacións e cidadáns en xeral sobre a actividade xerada en Boiro no eido deportivo, recollendo, a xeito de breve memoria, os acontecementos máis relevantes do ano. 

No ánimo dos promotores estaba facilitar o coñecemento mutuo do labor realizado polas distintas asociacións do municipio; que estas coñezan máis globalmente o labor do Departamento de Deportes, e que a sociedade boirense no seu conxunto saiba do traballo duns e outros. 

Para cumprir cos obxectivos planteados, a revista incluía apartados onde se informaba dos servizos que presta o Concello (uso de instalacións, programación, subvencións, etc. ); outros onde asociacións e particulares teñen a palabra para explicar os seus proxectos, expoñer os seus problemas e inquedanzas ou opinar sobre o momento actual do deporte na localidade. Incluíanse tamén outras seccións como “Miscelánea”,  onde a xeito de mistura dábase noticia dos fitos protagonizados por deportistas e clubes boirenses, ou un apartado co balance deportivo dos clubes na tempada.

QUENTADELA, ademais de cumprir coa súa función informativa, pretendía ser un recoñecemento público ao labor de todas aquelas persoas, institucións e entidades que posibilitan a práctica deportiva. Incidindo dun xeito moi especial nos directivos e adestradores dos clubes, pois eles son os que, sacrificando tempo libre e, ás veces, a súa propia economía, son elementos imprescindíbeis na dinamización deportiva dunha poboación e responsables directos de todos os beneficios que esto lle reporta á sociedade. A revista deixou de editarse no 2008.

Ler máis: Quentadela

|